Poulo (San Xulián)
Localízase ao sueste do concello e é considerada, ao igual que Ordes, como parroquia interna, xa que non linda con ningún municipio. Así linda ao norte con Buscás, ao nordés con Vilamaior, ao leste con Barbeiros, ao sur con Pereira e ao oeste con Ordes.
A súa orografía presenta unha suave pendente nas cotas máis altas, que se vai incrementando segundo descendemos, para por último suavizarse ás beiras do río Cabrón, que polo oeste fai as funcións de límite parroquial, onde se dan as cotas máis baixas, dándose as máis altas ao noroeste na Coviña (381 m). Como cursos menores destacamos o rego da Ponte Ribeira, que ten o seu nacemento nas proximidades da peaxe da AP-9 e percorre a parroquia en paralelo a esta, recibindo polo leste as augas do rego dos Muíños e polo norte o río das Penedas, que ten o seu nacemento na veciña parroquia de Buscás e verte as súas augas ao río Cabrón.
No referente á superficie parroquial, 9,66 km², atoparíase dentro do grupo que non chega á media municipal, que se localiza en torno aos 12 km² xunto con Barbeiros (9,62 km²), Beán (10,30 km²), Lesta (9,38 km²), Montaos (9,68 km²), Parada (11,21 km²), Pereira (6,64 km²), Poulo (9,66 km²) e Vilamaior (10,79 km²). No extremo contrario atopamos o resto, onde destacan Ordes (18,62 km²) e Ardemil (20,48 km²). Ao longo desta repártense 9 núcleos, que non o fan de forma homoxénea, senón que existe unha tendencia á metade oeste, quedando o leste máis despoboado. Este valor, relacionado coa superficie, dános a densidade de núcleo por km² máis baixa de todo o concello, que non chega nin a un núcleo, valor este que comparte con Beán.
A principal vía de comunicación é a AP-9, sendo esta a única parroquia que ten acceso. En segundo lugar destacan a AC-524, que percorre a parte norte, segundo orientación leste-oeste, e polo sur, a AC-3802, que fai o propio segundo orientación noroeste-sueste, con dúas ramificacións segundo entra na parroquia dende Ordes: unha que atravesa polo medio da Calle e a outra que o rodea pola zona sur, para volver xuntarse antes da autoestrada, dirección Frades. O resto do entramado viario intégrano pistas de carácter municipal, que son as verdadeiras vías de vertebración da parroquia, que permiten unha comunicación fluída entre os núcleos que a integran, mesmo de núcleos como As Pardiñas, que, polo norte, parece que se descolga do resto.
Os usos do solo quedan definidos, ao igual que os asentamentos, en dúas franxas: polo oeste predominio de grandes extensións de pasteiros, sobre todo no ámbito próximo ao núcleo da Calle, que se mestura co arboredo cara á zona sur, e polo leste unha primeira franxa que alterna pequenas extensións de pastos e arboredo, para dar paso, nas proximidades da autoestrada ao forestal, a partir de eucaliptos e coníferas.
Aldeas: Blanca, A Calle, A Costa, Lavandeira de Baixo, Lavandeira de Riba, O Outeiro, As Pardiñas, O Piñeiro, A Senra
Arquitectura
Aloxamento
Antón Veiras
- Turismo Rural - Grupo-B (Casa de Aldea)
- Outeiro de Abaixo 2, poulo 15680 Ordes
- 981 682 303
- http://www.casaruralantonveiras.es
Donde Comer
Casa Rural Antón Veiras
- Casa Rural/Restaurante
- Outeiro de Abaixo 2 15680 Ordes - A Coruña
- 981682303
- http://www.casaruralantonveiras.es