Ordes
O termo municipal de Ordes atopa a súa localización xeográfica na latitude 43º 4' Norte e lonxitude 8º 24' Oeste, situándose na zona centro da provincia da Coruña, lindando ao norte con Cerceda e Carral, ao leste con Mesía, Abegondo e Frades, ao sur con Oroso, e ao oeste con Tordoia.
O termo municipal de Ordes atópase bañado por unha gran cantidade de ríos e regatos. A maior parte do territorio pertence á cunca do río Lengüelle, que discorre, antes de unirse co río Tambre, polo límite occidental co concello de Tordoia; o seu afluente máis importante é o río Cabrón, que cruza case todo o concello de norte a sur; á súa vez, os seus afluentes máis importantes son os regos Cestaños, da Fraga e do Pequeno. Do mesmo xeito, polo límite oriental cos concellos de Mesía e Frades discorre o río Samo, tamén afluente do río Tambre, sendo o seu afluente máis importante o rego Buxán.
Ao noroeste do termo municipal localízanse dous encoros, Vilasenín e Vilagudín, situados no límite co concello de Cerceda.
Ordes ten unha extensión de 157,2 km², o que dista abondo da media de Galicia, que se sitúa en torno aos 94 km², e unha poboación de 13.020 habitantes, segundo o censo de 2011, agrupados en trece parroquias, con 268 entidades de poboación en total. A densidade de poboación que se obtén é de 82,84 hab./km². O seu elevado número de entidades, unido á baixa densidade de poboación, dan como resultado unha paisaxe rural constituída por pequenas aldeas repartidas homoxeneamente sobre o territorio.
Estas distribúense ao longo de trece parroquias:
- Ardemil (San Pedro)
- Barbeiros (Santa María)
- Beán (Santa María)
- Buscás (San Paio)
- Leira (Santa María)
- Lesta (Santo André)
- Mercurín (San Clemente)
- Montaos (Santa Cruz)
- Ordes (Santa María)
- Parada (Santa Mariña)
- Pereira (Santaia)
- Poulo (San Xulián)
- Vilamaior (Santiago).
A capital municipal, Ordes, dista 24 km de Santiago e 36 km da capital da provincia.
Ordes ten unha altitude media de 300 metros sobre o nivel do mar e aínda que a uniformidade topográfica manda no concello, a parte setentrional móstrase máis accidentada. Como cotas máis altas podemos atopar: Rubial (461 m), Alto do Faro (440 m) e Monte Gabián (423 m), situadas ao norte do concello, desde onde o terreo descende gradualmente ata o sur. Este descenso coincide coa orientación xeral dos principais cursos de auga, que baixan ata acadar o río Tambre, e marcan claramente as liñas mestras da morfoloxía municipal.
O relevo de Ordes é moderadamente accidentado, quebrado, de monte e chan, con predominio de zonas suaves. Dunha análise altimétrica, podemos distinguir catro zonas que se clasificarán pola súa distinta altitude:
- Zonas de terreos situados entre as cotas 200 e 300, localizadas, por unha banda, ao oeste, na parroquia de Lesta, no contorno do encoro de Vilagudín e, por outra banda, ao sur do concello, coincidente coa subcunca do río Cabrón, que pasa polas parroquias de Montaos, Buscás, Parada, Ordes, Poulo e Pereira.
- Zonas de terreos comprendidos entre as cotas 300 e 400, que abranguen unha extensa zona das parroquias de Mercurín, Leira, Ardemil, a parte de Buscás e Vilamaior.
- Zonas de terreos comprendidos entre as cotas 400 e 450, localizados nas parroquias de Mercurín, Ardemil e Buscás.
- Zona de terreos de maior altitude, por enriba da cota 450, localizada na parroquia de Mercurín, onde se sitúan as cotas máis altas de todo o concello.
Topograficamente, o concello non acada pendentes moi elevadas, sendo máis das súas 2/3 partes pendentes inferiores ao 10%. Coinciden coas zonas de maior pendente (máis do 20%), a primeira e a cuarta zona definidas na análise altimétrica.
O clima de Ordes podemos consideralo como clima de montaña, do mesmo xeito que o do resto da comarca. A súa situación no interior da provincia da Coruña, así como a súa orografía e cotas altimétricas, contribúen a que o clima teña características de montaña, temperado, e lixeiramente influenciado pola relativa proximidade ao mar, caracterizado por unhas abundantes precipitacións, que superan os 1.500 mm anuais, e unha temperatura media en torno aos 12-13ºC, que ben poderían facer pensar nun clima benigno, pero que non é tal, se temos en conta que tan só os meses de verán están totalmente libres de xeadas.
A gran maioría do territorio do municipio de Ordes atópase dedicado a plantacións forestais onde se distinguen preferentemente as especies de piñeiro, eucalipto, amieiro e carballo, así como asociacións de coníferas e outras frondosas, e podéndose diferenciar dous tipos: arborado e desarborado. A minoría restante do territorio dedícase aos cultivos. A terra de cultivo destínase na súa maior parte a pasteiros e prados, que ocupan grandes extensións, localizadas nas parroquias de Montaos, Pereira e Ordes, preferentemente na cunca do río Cabrón, e en Leira e Ardemil, ao norte do concello; o resto produce millo para forraxe e unha moi pequena parte está dedicada á horta.
Os asentamentos de poboación repártense dunha forma uniforme, cadrando principalmente coas zonas máis chas do concello, sendo as máis despoboadas aquelas máis accidentadas. A tipoloxía dos asentamentos predominante no municipio é a aldea pechada, con casarío espallado, en moitos casos formando varios grupos de edificacións distanciados abondo entre si. A distribución das edificacións sitúase xeralmente entre os límites dos terreos de cultivo e o monte.
A maioría dos lugares conta con agrupacións moi pequenas, de entre 10 e 25 edificacións, de carácter netamente rural, na súa maioría de tipoloxía illada e, en raras ocasións, unidas en medianeiras en torno a un camiño.