spacer
Antiga Estación Ferroviaria de “A Pontraga”

A antiga estación de Ordes - A Pontraga construíuse en 1943 no trazado orixinal da liña Zamora-A Coruña entre Santiago e A Coruña.

O edificio principal é o máis importante do conxunto pois é obra do arquitecto Ramón Cortázar de Urruzola (1867-1945) e foi construído en 1943 a imaxe e semellanza da estación de Azpeita, en Guipúscoa, edificio que hoxe alberga o Museo do Ferrocarril. Este arquitecto deixou infinidade de obras sobre todo no País Vasco, entre as que destacan a Casa Consistorial de Eibar, o Palacio de Belas Artes de San Sebastián ou a caixa de aforros de Zaragoza. Coa construción do novo trazado do ferrocarril, a estación da Pontraga quedou en abandono.

Sitúase tamén un pouco lonxe do centro de Ordes, na parroquia de Parada, no lugar da Estación, onde o río Lengüelle separa os concellos de Ordes e Tordoia. Por iso recibe tamén o nome de Estación da Pontraga, en referencia ao lugar da Pontraga na parroquia de Numide en Tordoia.

Antiga Estación Ferroviaria de “A Pontraga”

O tramo Santiago de Compostela-A Coruña foi o primeiro en inaugurarse, en 1943, da liña Zamora-A Coruña, coñecida como o Directo de Galicia.

A tipoloxía das estacións de viaxeiros é, cando menos, curiosa, porque non hai un deseño común e xerarquizado dos edificios, como adoitaba ser habitual, e porque os diversos estilos utilizados remiten esteticamente a estacións como a de Azpeitia e outras situadas no País Vasco.

As intervencións sobre o trazado da liña, xa no século XXI, para conformar o denominado Eixe Atlántico, supuxeron o peche de antigas estacións, que conforman hoxe unha mostra de reutilización deste tipo de edificios, un asunto en moitas ocasións complexo, debido fundamentalmente á localización e ás dimensións destes. Como exemplo, a estación de Ordes-A Pontraga consérvase en perfecto estado, sen uso. A de Uxes é un establecemento hostaleiro ("Vagonetas"), e na de Meirama pensouse situar un Museo da Minería de Cerceda, aproveitando a vinculación do ferrocarril coa Central Térmica e a explotación mineira (hoxe en proceso de enchido de auga do oco, como no caso das Pontes de García Rodríguez).

Unha serie de familias ocupaban os diferentes edificios existentes na estación. As ditas familias realizaban tarefas propias do ferrocarril dependendo economicamente da estación.

O río Lengüelle discorre xunto a esta área que conservou algúns restos ferroviarios a modo de homenaxe ao seu antigo uso, como un sinal oxidado, algúns postes, as rodas dun vagón ou os restos dun cambio de agullas. Se vos gusta a natureza e os lugares con historia, aquí tedes unha bonita visita.

Durante anos foi un centro importante de comunicacións para o concello. O transporte de mercadorías e a presenza de pasaxeiros permitían que o lugar tivera vida propia e que o seu contorno medrara economicamente.

A estación hoxe en día non ten un uso específico, se ben se recuperou o seu contorno.