Demografía
O estado da poboación
Segundo as proxeccións de habitantes, a poboación de Ordes mantivo un número máis ou menos constante dende 1900.
Proxección de habitantes
Ano | Habitantes | Índice |
---|---|---|
1900 | 7.260 | 100,00% |
1910 | 7.741 | 106,61% |
1920 | 7.595 | 104,61% |
1930 | 8.205 | 113,02% |
1940 | 10.195 | 140,93% |
1950 | 10.450 | 143,94% |
1960 | 11.770 | 162,12% |
1970 | 9.855 | 135,74% |
1981 | 11.095 | 152,82% |
1991 | 11.693 | 161,06% |
2001 | 11.938 | 164,44% |
2011 | 13.020 | 179,34% |
A pirámide de poboación móstranos un maior número de habitantes entre 20 e 49 anos; un 61% da poboación ten menos de 49 anos, o que nos ofrece un panorama dunha poboación demasiado envellecida, cun índice de envellecemento do 127. Se ben é preocupante o descenso da natalidade dos últimos anos, a taxa bruta de natalidade é do 9,4.
Evolución da poboación municipal
En canto á distribución da poboación pódese dicir que nos últimos anos a parroquia que máis crecemento experimentou é Ordes, apoiándose na accesibilidade que lle confire a N-550. A segunda parroquia máis importante é Mercurín, a cal se viu favorecida na mesma proporción e polas mesmas causas. En ambas as dúas parroquias, a instalación de pequenas industrias e explotacións froito dunha crecente actividade económica favoreceu unha certa concentración urbana.
O resto da poboación aséntase principalmente nos numerosos núcleos rurais, de reducidas dimensións, que atopamos na xeografía de Ordes. Da análise da evolución da poboación dos núcleos durante os últimos anos (período 2000-2011) despréndese que dos 255 núcleos que integran as parroquias, só 210 núcleos son computables a nivel de censos de poboación no municipio de Ordes (45 teñen a súa poboación incluída noutro núcleo).
Destes, 119 teñen o carácter de regresivos ou fortemente regresivos; é dicir, perden poboación en termos absolutos. Soamente 56 núcleos son progresivos ou fortemente progresivos, o que indica incrementos de poboación por encima do 10%. Os 34 restantes permanecen estacionarios con aumentos inferiores ao 10%. No que respecta ás parroquias, obsérvase que todas as parroquias, exceptuando a de Buscás, experimentaron un descenso en relación á poboación de 2000, mentres que só Ordes, e sempre baixo o amparo do núcleo urbano, experimentou un incremento notable (25% con respecto a 2000).
A actividade económica
Os factores económicos atópanse determinados pola influencia comarcal, permitindo un axuste racional da man de obra nas explotacións agropecuarias, ao posibilitar un sistema de traballo a tempo parcial, compatible con outros noutros concellos da comarca. Isto, unido ao feito de que a concentración parcelaria se estendeu por todo o territorio, permitiu unha boa organización interna das explotacións gandeiras.
1991 | 2001 | 2011 | |
---|---|---|---|
Agricultura e Gandería | 27,33% | 12,27% | 9,50% |
Industria | 19,15% | 27,98% | 21,31% |
Construcción | 20,35% | 19,08% | 15,35% |
Servizos | 33,41% | 40,65% | 53,84% |
Total | 100% | 100% | 100% |
Evolución da distribución económica da poboación activa