spacer
Paseo Ramiro Recouso

Inaugurado o 30 de novembro de 2009, o paseo fluvial é unha grande área de lecer en pleno casco urbano do municipio de Ordes, converténdose coa recuperación do seu ecosistema no gran pulmón verde do municipio.

O "Paseo Ramiro Recouso Liste" toma o seu nome na honra do finado edil nacionalista, un referente na actividade política local do municipio, da cal formou parte durante máis de 20 anos en beneficio dos veciños e veciñas do pobo.

O paseo arranca no Muíño da Silva e bordea ambas as marxes do río Mercurín rematando no Muíño da Braña, atopándose ambos os muíños en bo estado de conservación.

É un lugar idóneo para a súa visita con nenos e nenas polo seu percorrido, que non supera o  quilómetro de sendeiros contando ambas as marxes do río. Conta con pasarelas de madeira e pontes para cruzar dun lado a outro do río.

Paseo Ramiro Recouso

Conta cun bonito parque infantil, con tobogáns, randeeiras, estruturas para trepar, autobús con volante e pasarela para percorrer, ademais doutras estruturas lúdicas. Ao lado do parque infantil atópase un parque biosaudable que conta con aparellos de ximnasia para o desfrute de grandes e pequenos aínda que sen dúbida o atractivo máis grande do parque fórmano os seus habitantes, entre os cales destacamos as cabras africanas, cisnes, ocas, patos, faisáns, pombas...

Pódese levar a comida ou a merenda xa que hai mesas de pícnic para todos e todas ao lado do parque infantil e máis adiante, en plena natureza.

Tamén cómpre salientar que está situado nun lateral do Campo da Feira, polo que conta cun amplo aparcamento.

A continuación do "Paseo do Río Mercurín" atópase o Roteiro do Río Mercurín, de dificultade media (completo) ou baixa (opcións curtas), dunha lonxitude de 15 quilómetros e unha duración aproximada de 4 horas e media.