Historia
Durante a Idade Media a maioría dos municipios que compoñen a comarca pertenceron ao antigo Condado de Trastámara.
O castelo de Mesía, construído no século XII, é un claro exemplo do discorrer da historia. No ano 1467 pertencía a Gómez Pérez das Mariñas, e foi destruído nas revoltas irmandiñas. Tras quedar abandonado faise con el o arcebispo Alonso de Fonseca. Os cabaleiros galegos, coligados, derrotaron na batalla de Altamira ás forzas episcopais e tomaron o castelo. Posteriormente volveu pertencer a Mitra, que en 1523 aínda estaba na súa pacífica posesión.
Nos tempos do Antigo Réxime, o actual concello de Ordes tiña as súas parroquias distribuídas entre as xurisdicións de Mesía e Folgoso e o couto redondo de Faramilláns, na provincia de Santiago.
Vista aérea Ordes 1950
Os primeiros concellos constitucionais.
Neste período, e no que hoxe é o concello de Ordes e o seu termo, figuran dous concellos constitucionais, Poulo e Folgoso, que pertencen os dous ao partido de Poulo.
Os dous concellos de Poulo e Folgoso seguen dependendo do partido de Poulo cando se fai a comezos de 1822 a división de Galicia en catro provincias.
A división municipal do RD do 23 de xullo de 1835.
Cando se fai a modificación da división xudicial no ano 1834, o partido xudicial de Poulo pasa a chamarse de Ordes. Co RD do 23 de xullo de 1835 dáselle un forte empurrón á formación de concellos na provincia da Coruña. Este proxecto é publicado no BOPCO, núm. 117, do 27 de abril de 1836, e nel aparece o concello de Ordes, cunha parroquia menos das que logo terá.
O proxecto foi levado á sesión da Deputación da Coruña, do 6 de xuño de 1836, e nela foi modificado pasando a formar parte do concello de Ordes a parroquia de San Pedro de Ardemil.
No ano 1836 o concello de Ordes tiña unha superficie de 160,1 km² e unha poboación de 4.190 habitantes, que pasaron a ser 7.260 no ano 1900; 8.205 no ano 1930; 10.450 no ano 1950; 11.676 no ano 1986 e 12.431 na actualidade.
Adscricións
Nos tempos do Antigo Réxime pertencía á provincia de Santiago. Ao promulgarse a Constitución de 1812, pasa a integrarse na provincia única de Galicia. Despois da división territorial acordada entre o 27 de xaneiro de 1822 e o 30 de novembro de 1833, Ordes queda adscrito á provincia nova da Coruña. Ao facerse a distribución de Galicia en partidos xudiciais, feita pola Deputación o 3 de marzo de 1820, o termo de Ordes pasa a formar parte do partido xudicial de Poulo.
Ordes pasa a ser capital do partido xudicial do seu nome tras a reforma levada a cabo coa publicación do RD de 21 de abril de 1834. Esta situación mantense ata o Decreto 3388/1965 de 11 de novembro, que disolve o partido xudicial, pasando a formar parte do partido xudicial de Santiago. Na actualidade, coa nova Lei 38/1988, de 28 de decembro, volve ser reposto o partido xudicial de Ordes, que ten a Ordes como capital.