Leira (Santa María)
Localízase ao norte do concello, lindando ao noroeste co concello de Cerceda. Dentro do termo municipal fai o propio coa parroquia de Ardemil ao leste, Buscás ao sueste, Ordes ao sur e Mercurín ao oeste. A súa orografía caracterízase pola suave pendente de xeito xeneralizado, que se fai máis accidentada nas proximidades do río do Portigo de Vilasenín, que fai as funcións de límite municipal co concello de Cerceda e onde as cotas máis altas se dan ao noroeste no Gandarón (421 m) e na zona centro, no Monte das Patas (407 m), para ir descendendo de xeito suave ata os 290 m ao sueste, nas proximidades do límite parroquial, próximo ao río Cabrón, que dende o sur da parroquia recolle as augas dos regos de Covelo e Loureda. Na zona norte atopamos o rego da Fonte da Uceira, que verte as súas augas ao Encoro de Vilasenín, facendo o propio o río Portigo de Vilasenín.
Ten unha superficie de 16,28 km² (o que supón o 10,4%), por enriba da media municipal, que se sitúa nos 12,08 km² e non tan afastada da parroquia máis grande, Ardemil (20,48 km²) e chegando case a triplicar a máis pequena, Pereira (6,64 km²), sendo a terceira en achega. Ao longo desta e segundo orientación norte-sur desenvólvese a principal vía de comunicación, non só a nivel parroquial senón mesmo a nivel municipal, a N-550, que percorre o extremo occidental, servíndose o resto de núcleos de pistas de carácter municipal que crean unha complicada trama viaria.
No referente aos cultivos atopámonos con dúas zonas ben diferenciadas. Por un lado temos a zona leste, con grandes extensións de prados, coincidindo co ámbito dos núcleos da Altiboia, A Castiñeira, Gouzón, A Pedreira, Menlle, Castrelos e Codeseda, de pendentes máis moderadas e cos núcleos máis próximos, que se van mesturando coas zonas arboradas cara á zona centro. Polo noroeste, con maior dispersión, as extensións de pasteiros redúcense a pequenas áreas no ámbito dos núcleos que se mesturan coas matogueiras, para dar paso ao arboredo que se mestura na zona centro.
Cos seus 17 núcleos atópase próxima á media, que se situaría en 18, que non se reparten de xeito homoxéneo, senón que existe unha tendencia ao asentamento cara á zona sueste, nas proximidades da estrada nacional, e en menor medida cara ao noroeste, grazas á proximidade da estrada que percorre a parroquia de Mercurín para desembarcar no concello de Cerceda a través de Leira. A súa relación con respecto á superficie dános unha densidade de 1,1 núcleos por km², que como se describiu anteriormente dános unha información da dispersión existente, máxime se se ten conta que 9 o fan no sueste, próximos á estrada nacional. En comparación co resto de parroquias, atópase moi lonxe de Ardemil, que con 35 núcleos é a que máis achega, sendo as parroquias de Beán (9 núcleos) e Poulo (8 núcleos) as que menos achegan.
Os equipamentos máis representativos redúcense á igrexa e o cemiterio, así como o campo da festa nas inmediacións destes. A súa poboación repártese de forma moi desigual, con núcleos moi poboados como o caso de Castrelos (141 habitantes, que supoñen a cuarta parte da parroquia), sendo o núcleo de Meitufe (59 habitantes), o segundo en achega. No extremo contrario atopámonos coa Altiboia, que tan só achega 6 hab., o que supón o 0,015%.
Atendendo á poboación parroquial os seus 650 hab. sitúana só por detrás de Ardemil (1029 hab.), Ordes (1.547 hab.), onde excluímos a poboación do solo urbano, e Montaos (822 hab.), chegando a duplicar parroquias como Beán (301 hab.), Parada (327 hab.), Pereira (338 hab.), Poulo (334 hab.) e Vilamaior (336 hab.).
Aldeas: A Altiboia, Bailía, O Batán, A Castiñeira, Castrelos, O Castro, A Cerdeira, Codeseda, A Espiñeira, Gouzón, Loureda, Meitufe, Menlle, A Pedreira, A Portela, Queirúa, Vilasenín
Arquitectura
Aloxamento
Hotel Barreiro
- Hoteis - Hotel 3 estrelas
- Ctra. Coruña - Santiago Km. 32, Leira (Santa María), Ordes, A Coruña
- 981680917
- http://www.hotelbarreiro.com
Donde Comer
Restaurante Casa Barreiro
- Café-Bar/Restaurante/Hotel
- Estda. Coruña-Santiago 15689 Ordes - A Coruña
- +34 981680917
- http://www.hotelbarreiro.com