Localízase ao leste do concello, lindando cos municipios de Abegondo ao norte, Mesía ao leste e Frades ao sur. Dentro do termo municipal fai o propio coas parroquias de Ardemil ao noroeste, Buscás ao oeste e Barbeiros ao sur. A súa orografía presenta un perfil de suave pendente na zona central e máis acusada cara ao norte e o oeste, onde as súas cotas máis altas se dan na zona norte, e máis concretamente no Couto do Outeiro (423 m), onde pola contra as cotas máis baixas se dan ao sur, ás beiras do río Samo, que polo sueste fai as funcións de límite parroquial e municipal, e que percorre esta segundo orientación norte-sur e augas arriba recibe o nome de rego Castrexo.

Achega unha superficie de 10,79 km² que representa o 6,9%, por debaixo da media e acorde coa maioría das parroquias, chegando a ser un terzo maior que Pereira (6,64 km²) e representando só a metade se a comparamos con Ordes (18,62 km²) ou Ardemil (20,48 km²), as parroquias máis grandes. Ao longo desta localízanse 25 núcleos, que non o fan de forma homoxénea, senón que existe unha tendencia á zona sur, pero aquí localízanse 23 núcleos, mentres que na zona norte só 2.

A vía máis importante de comunicación é a AP-9, que percorre a parroquia segundo orientación sueste-nordés, pero á que non se ten acceso dende esta, atopando este ao sur, na parroquia de Poulo. As principais vías de comunicación son de carácter municipal, destacando a que vai dende o concello de Mesía ata a AC-524, na parroquia de Barbeiros, ramificándose a dereita e esquerda para dar servizo e comunicación aos diferentes núcleos. A distribución dos usos do solo caracterízase por unha primeira e extensa franxa de pastos no ámbito próximo aos núcleos, que polo norte dan paso ao arboredo a base de coníferas e que se vai mesturando coa matogueira segundo nos diriximos cara ao sur ata atoparse de novo cos asentamentos.

Estes, 25 en total, sitúana por enriba da media, dentro do grupo que pasa de vinte (Buscás, Ordes e Vilamaior), cun terzo menos que Ardemil, que con 35 núcleos é a que máis achega de todo o concello. Este valor, relacionado coa superficie, dános a maior densidade de todos, chegando case aos 2,32 núcleos por km², moi superior á media, que se sitúa en 1,50 e triplicando parroquias como Beán. Atendendo aos diferentes modelos básicos recoñecidos na Lei do solo, só un cumpre as determinacións para incluílo como núcleo rural histórico tradicional, trece como núcleo rural común e sete como núcleo rural complexo. Por último, os núcleos de Porpalla, O Carballo e A Maquía non cumpren os requisitos mínimos para a súa delimitación.

Polo xeral son pequenos grupos de tres ou catro vivendas, que se localizan en torno ás pistas de acceso, como Patrocelos, O Castro, Sanamís, A Cesteña, Melante, Fondo da Aldea ou A Casanova, noutros casos atópase integrada por varios grupos como Adrán e noutros é unha concentración de vivendas en torno a un cruzamento de camiños, como A Barcula. Como núcleos principais destacan A Igrexa e O Casal, xa que aquí se localizan os equipamentos máis representativos como a igrexa parroquial e o cemiterio, e o campo da festa nas proximidades dunha pista polideportiva.

No que respecta a unha distribución por núcleos, podemos facer dous grandes grupos: por un lado atopámonos con aqueles núcleos que superan os vinte no número de habitantes (Adrán 35 hab., O Casal 41 hab., As Corredoiras 22 hab., As Marchás 22 hab. e O Porto 22 hab.) e polo outro o resto, cun dato representativo como que só estes cinco núcleos chegan a absorber máis do 40%, o que nos dá unha idea das desigualdades de poboación, sendo os núcleos de Sanamís e Porpalla, con dous habitantes cada un, os que menos poboación achegan.

Aldeas: Adrán, A Ameixeira, A Armada, Campo do Sino, O Carballo, O Casal, A Casanova, O Castro, A Cesteña, As Corredoiras, Fondo da Aldea, A Igrexa, A Maquía, As Marchás, Melante, Merlís, Patrocelos, A Pedreira, Porpalla, O Roel, Sanamís, O Vilar

Arquitectura

Máis Información

  • 1079 Hectáreas
  • 325