Esta é unha das parroquias interiores do concello, que se localiza lixeiramente ao nordés do seu centro, limítrofe con Ardemil ao norte, Vilamaior ao leste, Barbeiros ao sueste, Poulo ao sur, Ordes ao suroeste e Leira ao noroeste. A súa orografía é moderada con pendentes do 2%-5%, que se fan máis acusadas nas proximidades dos cursos de auga, con cotas que van dende os 444 m, ao norte, nas proximidades do Cotón de Xenarde (451 m) e os 258 m, ao suroeste, nas proximidades da capital municipal.

Ten unha superficie de 13,24 km² (8,4%) que a sitúa como a cuarta parroquia máis grande, só por debaixo de Ardemil (20,48 km²), Ordes (18,62 km²) e Leira (16,28 km²) chegando a duplicar a máis pequena, Pereira, con 6,64 km². O entramado viario dentro desta parroquia atópase integrado por unha pista principal que percorre esta, entrando dende Ardemil, polo norte, para realizar un xiro de 90º á altura do núcleo de Uzás e dirixirse cara ao suroeste, dirección Ordes.

Os cultivos, atendendo á súa orografía, distribúense con amplas extensións de cultivos a pasteiros no ámbito máis próximo dos núcleos, que se van mesturando coa matogueira, sobre todo nas zonas máis levadas ao norte. Por último atopamos as plantacións forestais, con certa tendencia á zona leste da parroquia e máis concretamente en paralelo á A-9.

Atópase integrado por 26 núcleos, que se localizan de forma preferente ao longo do seu eixe de comunicación e vinculados a este, salvo algún como o caso de Faramilláns ou A Tiopeira, sendo Carballedo, nas proximidades da A-9, o máis illado. Sitúase como a segunda parroquia que máis núcleos achega, só por debaixo de Ardemil (35 núcleos) e chegando case a triplicar parroquias como Beán (10 núcleos). Se este valor o contrastamos coa superficie obtense a terceira densidade de núcleo por km², só por detrás de Vilamaior (2,32 núcleos por km²) ou Pereira (2,41 núcleos por km²), se ben é certo que estes teñen a metade de superficie e a súa estandarización suporía reducir a 19 o número de núcleos.

A súa tipoloxía é a de casarío disperso de vivendas localizadas ao longo dunha pista con vivendas rodeadas de numerosos anexos e cun marcado carácter agrícola, que contrasta con núcleos como Faramilláns, onde as vivendas se atopan máis agrupadas, chegando a atoparse en medianeira co resto, con tipoloxía concentrada e formando entre estas un complexo entramado viario sen orde nin estrutura. É no ámbito do Verdeal onde se localizan todos os equipamentos: o campo da festa, a igrexa parroquial e a escola, cun alcance soamente parroquial.

Respecto da achega de poboación ao conxunto municipal, obsérvase que se atopa próximo á media, que se sitúa en 537 hab., sempre excluíndo de Ordes a poboación correspondente ao urbano, por atoparse este nun punto desequilibrante. Con todo isto achegaría a metade que Ardemil (1029 hab.) ou a terceira parte que Ordes (1547 hab. sen contar o urbano) e pola contra chegando a duplicar a aquelas que menos poboación achegan: Barbeiros (243 hab.) e Lesta (226 hab.). Atendendo á repartición por núcleos apréciase unha desigualdade nestes, cunha tendencia ao asentamento no lado oeste da parroquia, dada a súa proximidade á N-550. Así, os núcleos da Rúa (57 hab.), Esmorís (67 hab.) e Vilariño (49 hab.) chegan a aglutinar o 30% do total, sendo o núcleo de Aruxiña o que menos poboación achega con dous habitantes. 

Aldeas: O Aneiro, Aruxiña, A Bouciña, A Canle, Carballedo, A Casavella, Castenda, Cernadas, Esmorís, Faramilláns, A Gorita, Os Lameiros, Margarida, O Monte, A Pereira, O Pereiro, O Pomariño, As Pombas, Ponte, Os Ramos, A Rúa, A Tiopeira, Trabes, Uzás, O Verdeal, Vilariño

Arquitectura

Aloxamento

Donde Comer

Máis Información

  • 1324 Hectáreas
  • 510