Localízase ao oeste do concello, lindando na mesma orientación co municipio de Tordoia. Dentro do termo municipal fai o propio coas parroquias de Lesta ao norte, Mercurín ao nordés, Ordes ao leste e Montaos ao sueste.

A súa orografía caracterízase pola suavidade do seu perfil, sendo a zona oeste máis accidentada e con maior pendente, dándose as súas cotas máis altas na vertente suroeste do Monte de Mercurín, con cotas que roldan os 365 m, localizándose as máis baixas ao sur, coincidindo co límite municipal e máis concretamente ás beiras do río Lengüelle, con 236 m. Ademais deste curso fluvial, cabe destacar o rego Cestaños, que augas abaixo enlaza co río Cabrón.

Ten unha superficie de 11,21 km², o que supón o 7,1%, encadrada dentro do grupo de parroquias por debaixo da media, que rolda os 12 km², do cal quedan excluídas Ardemil (20,48 km²), Ordes (18,62 km²) e Leira (16,28 km²), que se atopan nesta orde como as máis grandes, chegando a súa participación ao 35%.

Dúas son as principais vías de vertebración, unha a AC-413, que vai de Ordes á Silva, segundo orientación sueste-noroeste, e a DP-5904, que enlaza coa anterior á altura do núcleo do Empalme, dirección suroeste, cara ao veciño concello de Tordoia, se ben é certo que son as pistas de titularidade municipal as principais vías de vertebración.

Os cultivos seguen un patrón predeterminado, cunha primeira franxa no ámbito dos núcleos de praderías de extensión media que dan paso a grandes masas de arboredo a partir de coníferas e en menor medida de eucaliptos, máis característicos da zona sur. Cara ao noroeste, previo ás zonas forestais, atopámonos con amplas extensións de matogueira.

Os 13 núcleos que achega esta parroquia non se distribúen de forma homoxénea, senón que existe unha tendencia á zona sur, atopándose a norte máis despoboada. En relación co resto de parroquias, encádranse dentro do grupo que se localiza por debaixo da media, sendo só cinco, Ardemil (35 núcleos), Ordes (29 núcleos), Buscás (26 núcleos), Vilamaior (25 núcleos) e Leira (17 núcleos) os que se sitúan por enriba. Este valor, relacionado coa súa superficie, dános unha densidade de 1,07 núcleos por km² que corrobora a dispersión existente, sendo as parroquias de Pereira e Vilamaior as únicas que chegan aos 2 núcleos por km².

Atendendo á estrutura, así como á tipoloxía edificadora, podemos incluír un núcleo como núcleo rural histórico tradicional, seis como núcleo rural común e cinco como núcleo rural complexo, con predominio do casarío concentrado na zona norte, como Castenda de Parada, O Castro ou A Agrela, e disperso de forma lineal ao longo das principais vías de comunicación como O Pazo ou A Ponte Quinín. Os equipamentos como a igrexa, o cemiterio e a pista polideportiva localízanse no Pazo, o que nos permite determinar este como núcleo principal, se ben o seu alcance é exclusivamente parroquial.

Aldeas: A Agrela, A Carballeira, Castenda de Parada, O Castro, Cestaños, A Estación, As Fontenlas, O Pazo, A Ponte Quinín, Rebordelos, O Rego, O Valiño

Arquitectura

Aloxamento

Casa da Maquía

Casa da Maquía

  • Casa Rural Completa
  • Estacion nº 10, Parada. Ordes
  • 981680195

Máis Información

  • 1121 Hectáreas
  • 304