Montaos (Santa Cruz)
Localízase ao sur do concello, lindando cos municipios de Oroso ao sur e Tordoia ao oeste. Dentro do termo municipal fai o propio coas parroquias de Parada ao noroeste, Ordes ao norte, Pereira ao nordés e Beán ao sueste. A súa orografía caracterízase pola suave pendente, onde as cotas máis altas se dan ao sueste, nas proximidades da autoestrada, no Monte Lanuxe (328 m) e ao noroeste, no Couto da Agrela (311 m), dándose as máis baixas na zona oeste, ás beiras do río Lengüelle, nas proximidades do límite municipal. O principal curso fluvial é o río Cabrón, que atravesa a parroquia segundo orientación nordés-suroeste, abastecéndose dos regatos do Valado, Ponte Ribeira e rego dos Carrás.
Achega unha superficie de 9,68 km², o que supón o 6,2%, que a sitúa por debaixo da media, cunha superficie parecida á de Barbeiros (9,62 km²), Beán (10,30 km²), Lesta (9,38 km²), Poulo (9,66 km²) ou Vilamaior (10,79 km²), con 3 km² máis que Pereira (6,64 km²), a parroquia máis pequena, e a metade, se temos en conta Ardemil (20,48 km²) ou Ordes (18,62 km²), que son as máis grandes.
A súa principal vía de comunicación é a N-550, que percorre a parroquia de norte a sur, pola zona central, e en menor medida a autoestrada A-9, que fai o propio polo extremo oriental, se ben é certo que esta é só de paso. O resto do entramado viario atópase integrado por pistas de carácter municipal que se ramifican a dereita e esquerda, dende esta nacional, dando servizo aos núcleos da parroquia.
En total son 13 núcleos que se reparten de forma homoxénea, quedando máis deserta a zona noroeste, cara ao límite coa parroquia de Parada, coincidindo cos puntos máis elevados. Esta distribución xeográfica condicionou os usos do solo, con amplas extensións de pasteiros na primeira franxa, próxima aos núcleos, que dan paso ao arboredo, sendo maiores as extensións nos límites da parroquia, e o cultivo minoritario o de matogueira. Con respecto ao resto de parroquias, localízase nunha zona intermedia acorde coa maioría, dentro da rama que vai dos 13 aos 18, e véndose duplicada por parroquias como Ardemil (35 núcleos) ou Ordes (29 núcleos), que se sitúan como as que máis entidades achegan ao conxunto municipal.
A súa tipoloxía é característica daquelas zonas próximas ás principais vías de comunicación onde predominan as vivendas modernas, polo xeral, podendo determinar que tres núcleos se axustan ás especificacións de núcleo rural común, sendo necesaria a fusión do Chan e Vixide, tanto pola tipoloxía edificadora predominante, coma pola dispersión existente, quedando o resto integrados dentro do núcleo rural complexo, sobre todo os situados ao leste da parroquia, como o caso de Castrelo, A Albariña, Porta dos Condes, Os Carrás e O Piñeiro.
En función da súa achega de poboación podemos determinar tres grandes grupos, en intervalos de 500 hab. Na primeira franxa atópanse 8 parroquias, con valores que van dos 226 hab. de Lesta ata os 327 hab. de Parada. En segundo lugar, o grupo que vai dos 500 hab. aos 1.000 hab., onde se atopan 3 parroquias, con valores que van dos 557 hab. de Buscás ata os 822 hab. de Montaos. Por último un terceiro grupo integrado polas parroquias de Ardemil (1.029 hab.) e Ordes (1.547 hab.), sempre tendo en conta que neste último caso non se inclúe a poboación do solo urbano de Ordes. Atendendo á repartición dentro da parroquia, atopámonos coa mesma problemática, con núcleos moi poboados como o caso de Guindibó (165 hab.), A Igrexa (137 hab.), Queis (111 hab.) e A Costa (88 hab.), que chegan a representar o 60% do total, e núcleos como Vixide (9 hab.), Os Carrás (12 hab.), Castrelo (13 hab.) ou A Albariña (14 hab.), que apenas representan o 6%.
Os principais equipamentos redúcense á igrexa e ao cemiterio parroquial, así como o campo de fútbol, sen que en ningún momento o seu alcance sexa municipal.
Aldeas: A Albariña, Os Carrás, Castrelo, A Costa, Fosado, Guindiboo, A Igrexa, O Piñeiro, Porta dos Condes, A Sobreira, Vixide, Queis
Arquitectura
Aloxamento
Hotel Santa Cruz
- Hoteis - Hotel 1 estrela
- Santa Cruz 36, Montaos. Ordes
- +34 981681452
- http://www.santacruzhotel.es
Donde Comer
Hotel Restaurante Santa Cruz
- Restaurante *
- Lugar a Igrexa, nº 36 - Montaos. Ordes
- 981681452
- http://www.santacruzhotel.es