Barbeiros (Santa María)
Localízase ao sueste do concello, lindando cos concellos de Frades ao leste e Oroso ao sur. Dentro do termo municipal fai o propio coas parroquias de Vilamaior ao norte, Buscás ao noroeste, Poulo ao oeste e Pereira ao suroeste.
A súa orografía caracterízase por zonas de suave pendente nas cotas máis altas, que se corresponden co noroeste da parroquia, no límite con Poulo, e máis accidentadas segundo descendemos cara á cunca do río Samo, que nalgúns tramos fai as funcións de límite municipal. É nas proximidades ao núcleo de Mandaios, con 372 m, onde se dan as maiores altitudes, para ir diminuíndo ata os 289 m, nas proximidades de Frades, ás beiras do río Samo.
Ten unha superficie de 9,62 km², o que supón o 6,1%, situada por debaixo da media municipal, que se atopa en 12 km², en concordancia co resto de parroquias, que achegan superficies similares, pero moi afastada de parroquias como Ardemil (20,48 km²) que chega a duplicala.
O uso do solo baséase en grandes extensións de pradarías no ámbito máis próximo dos núcleos, que dan paso a unha segunda franxa de matogueira, que se vai mesturando co arboredo ata desaparecer, sobre todo no tramo correspondente ao límite parroquial con Poulo, coincidindo cun tramo da autoestrada.
O número de entidades de poboación, 14 en total (6%) repártense, como se indicou anteriormente, ao longo da pista de carácter municipal, que percorre a parroquia de norte a sur, situándose próximo á media, que se atopa en 18 núcleos, e en termos semellantes ao resto de parroquias, a excepción de Ardemil, que con 35 núcleos é o que máis achega. Os valores de poboación, relacionados coas superficies, achégannos densidades de núcleo por km² semellantes e sempre no ámbito da media, que se sitúa en 1,50, chegando en parroquias como Vilamaior a 2,32, sendo a parroquia que máis se afasta destes valores a de Ordes, que dá unha idea de dispersión existente, condicionada polo urbano, onde apenas chega a un núcleo por km².
Aldeas: A Aldeiña, Os Baltares, Bieites, Coruxo, O Cruceiro, Fondo da Aldea, Os Lagos, O Loureiro, Mandaios, Meixonfrío, Os Pardos, O Pedrouzo, Ramil, O Uzal