Mercurín (San Clemente)
Localízase ao noroeste do concello lindando co concello de Cerceda e dentro da parroquia fai o propio coas de Leira ao nordés, Ordes ao sur, Parada ao suroeste e Lesta ao oeste. Ten unha superficie de 11,09 km², o que a sitúa próxima á media municipal (12,08 km²), lixeiramente superior á maioría de parroquias, as superficies das cales roldan os 10 km², chegando case a duplicar a Pereira, que con 6,64 km² é a parroquia máis pequena.
A súa orografía, de transición entre as parroquias de Leira e Lesta, caracterízase pola suave pendente de xeito xeral e máis accidentada nas abas próximas aos puntos máis elevados, Monte de Mercurín (428 m) e Alto do Faro (437 m), dándose as cotas máis baixas nas proximidades co límite parroquial, ao sur, ás beiras do rego de Mercurín. Esta característica de relevo é a que condiciona os numerosos regatos que teñen os seus nacementos nestes montes, como o rego de Pepín polo noroeste, que verte as súas augas ao río Pórtico de Vilasenín e o rego de Lesta, que fai o propio ao río Lengüelle, cara ao suroeste. Cara ao norte atopámonos co rego da Uceira, que verte as súas augas ao encoro de Vilasenín, e cara ao sueste e sur, o rego de Loureda e o rego de Mercurín respectivamente, vertendo ambos os dous as súas augas ao río Cabrón.
As principais vías de comunicación son de carácter municipal, onde cabe destacar a que vai dende o cruzamento fronte ao polígono industrial de Ordes, ata o veciño concello de Cerceda, ao noroeste, no ámbito do cal se localizan os principais núcleos, que non se reparten de forma homoxénea senón que existe unha clara tendencia á zona sur, pola influencia do solo urbano, sendo o núcleo de Pepín o máis afastado e desvinculado do resto de núcleos da parroquia.
En total achega 17 núcleos, o que se localiza en torno á media, o que supón o dobre das parroquias máis pequenas como Beán (10 núcleos) e Poulo (9 núcleos) e a metade de parroquias como Ardemil (35 núcleos), Buscás (26 núcleos) ou Ordes (29 núcleos). Se este dato o contrastamos coa superficie achéganos unha densidade de 1,53 núcleos por km², o que dá idea da dispersión existente. É a súa distribución xeográfica a que determinou os usos do solo con amplas extensións nas proximidades dos núcleos de pasteiros que dan paso ás áreas de matogueiras cara ao noroeste, para ir mesturándose co arboredo na mesma dirección, segundo nos achegamos ao veciño concello de Cerceda.
A tipoloxía predominante é o núcleo disperso, localizado principalmente ao longo do entramado viario e vinculado a este, que pola súa proximidade ao resto permite crear continuidade e onde atendendo aos modelos básicos podemos determinar que tres cumpren as características como núcleo rural histórico tradicional, outros tres como núcleo rural común e oito como núcleo rural complexo, sendo o núcleo do Vilar o único que non se delimita por non cumprir cos requisitos mínimos. Non existe dependencia entre estes e os principais equipamentos, sempre a nivel parroquial, atópanse no núcleo da Igrexa, onde se localizan a igrexa parroquial, o cemiterio e, un pouco máis arriba, en Carracedo, un discreto campo da festa cun cruceiro na súa zona central. Complementa un local social no núcleo de Pedre, ao longo da pista que vai a Cerceda.
No referente á poboación inclúese dentro das parroquias que menos achegan, só por enriba de Barbeiros (243 hab.) e Lesta (226 hab.), próxima a parroquias como Buscás, Parada, Pereira, Poulo ou Vilamaior, que roldan os 330 hab. de media, e moi afastada de Ardemil (1.029 hab.) ou Ordes (1.547 hab.), sempre tendo en conta que neste último caso eliminouse a poboación correspondente ao solo urbano. Dentro da parroquia a repartición é desigual, con núcleos que non chegan á decena de habitantes, caso de Carracedo, A Igrexa, A Poza, O Seixo, Tralorrío, Trasmil e O Vilar, mentres que no extremo contrario nos atopamos con aqueles que pasan da trintena, como O Cruceiro, Pedre, Perra de Abaixo ou Zampaño.
Aldeas: O Cruceiro, Guntín, A Igrexa, Mañufe, Pedre, Pepín, Perra, O Piñeiro, A Poza, O Seixo, O Souto, Tralorrío, Trasmíl, O Vilar, Zampaño