Lesta (Santo André)
É a parroquia máis occidental e localízase ao oeste do concello lindando con Cerdeda ao noroeste e Tordoia ao suroeste. Dentro do termo municipal fai o propio coas parroquias de Mercurín ao leste, Ordes ao sueste e Parada ao sur.
A súa orografía caracterízase por unha zona de transición, o leste e o nordés, coincidindo cos montes de Mercurín (428 m) e Monte Inxeiro (427 m), onde se dan as cotas máis altas, de suave pendente, que se fai máis accidentada nas proximidades dos núcleos, para suavizarse nas proximidades do río Lengüelle, que polo suroeste se converte no principal curso da parroquia e que vai abastecido por diferentes regatos como o rego de Lesta ou o rego de Reboredo. Cabe destacar, do mesmo modo, o encoro de Vilagudín, ao suroeste, sendo a primeira concesión de pesca turística autorizada pola Xunta de Galicia.
Os usos do solo vense condicionados por esta orografía con predominio do uso forestal nas cotas máis altas para sufrir unha transición cara á matogueira, segundo descendemos, e coincidindo co ámbito máis próximo dos núcleos predominio de pasteiros e praderías.
Ten unha superficie de 9,38 km² (6%), que a sitúa por debaixo da media (12,08 km²) e bastante afastada das parroquias máis grandes como Ardemil (20,48 km²), Ordes (18,62 km²) ou Leira (16,28 km²), cunha superficie parecida á maioría das parroquias (Barbeiros 9,62 km², Beán 10,30 km², Montaos 9,68 km², Poulo 9,66 km² ou Vilamaior 10,79 km²) e superior aos 6,64 km² de Pereira, a parroquia máis pequena.
As súas principais vías de comunicación son a AC-413, que percorre a zona centro segundo orientación noroeste-sueste e que, nas proximidades da parroquia de Parada, enlaza coa DP-5902, que vai dende a estrada de Ordes-A Silva ata Tordoia, por Gorgullos. O resto de entramado viario atópase integrado por pistas de carácter municipal, que co tempo son as verdadeiras vías de comunicación. Os 13 núcleos non se reparten de forma homoxénea senón que existe unha tendencia ao asentamento na zona nordés, por enriba da estrada autonómica, quedando a zona suroeste máis despoboada e como único expoñente o núcleo de Vilagudín. Destes e atendendo á súa tipoloxía podemos encadrar nove como núcleos rurais históricos, dous como núcleos rurais comúns e dous como núcleos rurais complexos.
En comparación coa súa superficie achéganos unha densidade de núcleo de 1,39 por km², próxima á media, quedando a dispersión existente máis patente en parroquias como Poulo ou Beán, onde non chegan a 1 núcleo por km². No extremo oposto atopámonos con Pereira ou Buscás, que chegan a ter 2 núcleos por km². Se a comparativa a facemos con respecto á achega en número de núcleos, determinamos que se localiza por debaixo da media, que se sitúa en 18 núcleos, moi afastada de parroquias como Ardemil (35 núcleos), Ordes (29 núcleos) ou Buscás (26 núcleos) e non moi afastada con respecto a Poulo, que con 9 núcleos é a parroquia que menos achega.
Os principais equipamentos redúcense á igrexa parroquial, unha antiga escola e o local social, no núcleo da Igrexa.
Aldeas: Os Abeneiros, A Agrela, Agromaior, A Altiboia, O Camiño, O Couto, A Cruz, Del, A Igrexa, O Pazo, As Pereiriñas, Vilagudín, Xermiñas