A cita desenvolverase no Mesón do Vento os días 28 e 29 de xullo e contará con exhibicións de exemplares e probas de rastro de xabaril entre outras

Feira de Cans Amigos de Ardemil,  organización que se encarga da XXVII Mostra de Cans de Caza do Mesón do Vento, vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para as persoas propietarias de cans que desexen participar nos distintos apartados e probas (689550728).

     O sábado 28 de xullo terá lugar o campionato de rastro de xabaril modalidade grade, puntuable para a Copa Galicia. A inscrición, con xantar incluído, ascende a 35 €, sendo de 15 € a partir do segundo exemplar. Ese día tamén terá lugar o Campionato Júnior, no que poderán participar mozos e mozas ata os 14 anos.

     O domingo, 29 de xullo, terá lugar a gran mostra de cans de caza. Trátase dunha das citas cinexéticas máis destacadas de todo o panorama do norte de España, na que o ano pasado se chegaron a contabilizar arredor de 3.000 cans, a maioría de razas puras, pertencentes a preto de 200 mandas. Os mellores exemplares de cada categoría recibirán importantes premios e distincións nun acto que dará comezo a partir das 17.30 horas. Nesta xornada tamén se levará a cabo unha exhibición de parada de cans de perdiz, así como outro tipo de exhibicións de rastro de xabaril máis as levadas a cabo polo centro de adestramento de Abegondo G.T. Brétema.

     O público asistente tamén poderá probar puntería no simulador de tiro gratuíto que se instalará, ademais de poder contemplar e adquirir todo tipo de produtos e novidades do eido da caza nos moitos postos que se instalarán para a ocasión.

     Entre as entidades e firmas comerciais colaboradoras desta edición figuran: Concello de Ordes, Arion, Agro Visantoña e a Federación Galega de Caza.

XXVII FEIRA DE CANS DE CAZA