Localízase ao sueste do municipio, lindando co concello de Oroso na mesma dirección. Dentro do termo municipal fai o propio con Ordes e Poulo ao norte, Barbeiros ao nordés, Beán ao sur e Montaos ao suroeste. Presenta unha orografía de suave pendente, con cotas que van dos 302 m, ao norte, no lugar coñecido como Leiras das Abotregueiras ata os 255 m, ao sur, ás beiras do rego da Ponte Ribeira. Este, xunto co río Cabrón polo noroeste, son os principais cursos fluviais, que chegan a xuntarse ao oeste, nas proximidades do límite parroquial, na Casa da Maquía.

Cunha superficie de 6,64 km² sitúase como a parroquia máis pequena, un terzo menor que as seguintes como Vilamaior (10,79 km²), Lesta (9,38 km²), Poulo (9,66 km²) ou Montaos (9,68 km²), e tres veces máis pequena se na comparativa se usa como patrón de referencia a parroquia de Ardemil, que con 20,48 km² é a máis grande. Os seus 16 núcleos non se reparten de xeito homoxéneo, senón que existe unha clara tendencia á metade oeste, quedando ao leste máis despoboada, o que se viu agravado pola AP-9, que segundo orientación nordés-suroeste percorre parte desta. Porén, a principal vía de comunicación non é esta, senón as diferentes pistas de carácter municipal, que crean un complexo entramado viario entre núcleos, chegando a enlazar coa N-550 polo oeste, na veciña parroquia de Montaos.

A distribución dos cultivos segue o patrón dunha primeira franxa, na proximidade de núcleos, de pastos, para dar paso ao arboredo a base de eucaliptos e coníferas, salpicado por pequenas áreas de matogueira, sobre todo nas proximidades coa autoestrada e cara ao oeste, entre os núcleos da parroquia de Montaos e os de Pereira. En relación co número de núcleos e tomando como corte o valor da media, esta parroquia atópase por debaixo desta, o que non impide que chegue a duplicar a Poulo, que con 9 núcleos é a que menos achega. Porén, se a comparativa a facemos con respecto a Ardemil (35 núcleos), a parroquia que máis núcleos ten, observamos que non chega nin á metade. Pero se o valor que aplicamos é o resultado de relacionar o número coa superficie, podemos apreciar que é, xunto con Vilamaior, a única parroquia que chega aos dous núcleos por km², superando mesmo a Ardemil, o que se traduce nunha menor dispersión.

Predomina o núcleo disperso de vivendas localizadas ao longo das pistas de acceso e vinculadas a estas, se ben é certo que tamén temos algún expoñente de casarío denso como A Rúa e Aldea de Abaixo, ou máis descentralizado o núcleo de Folgoso ao nordés. En relación cos tipos básicos definidos na Lei do solo, podemos incluír 12 como núcleos rurais comúns e 2 como núcleos complexos.

En referencia á dependencia entre estes, destaca o núcleo da Eirexe, que recolle os principais equipamentos como a igrexa e o cemiterio parroquial e, fronte a esta, o campo da festa, que o predetermina como núcleo principal, sendo o seu alcance parroquial.

Aldeas: Os Carabelos, O Carballo, A Casanova, Cercedo, A Eirexe, O Espiño, Folgoso, Guindibó de Arriba, A Lamela, O Ludiño de Abaixo, O Ludiño de Riba, O Mendo, Pecenín, A Poza, A Rúa, Soutozar

Arquitectura

Máis Información

  • 664 Hectáreas
  • 312