spacer
Museo do Traxe

O Museo do Traxe Juanjo Linares está situado na Rúa da Feira nº 5 da localidade de Ordes (A Coruña).

Foi inaugurado oficialmente polo Delegado do Goberno en Galicia, D. Antón Louro Goyanes, o sábado 16 de xaneiro de 2010, abríndose ao público o 27 de marzo do mesmo ano.

O Museo está composto basicamente por unha colección de máis de 1.000 traxes doados por Juanjo Linares á Fundación que leva o seu nome e esta á súa vez cedeunos ao Concello de Ordes para a súa exposición nun edificio de propiedade municipal, que foi recentemente restaurado para tal fin.

O horario de apertura ao público é de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h. todos os días, agás os luns; tamén permanece pechado os domingos e festivos pola tarde.

O edificio consta de tres plantas con salón de actos, biblioteca, sala de lectura, almacén, oficina de dirección e administración e dúas salas de exposición.

Están expostas ao redor de 260 pezas (o resto está almacenado) e na colección hai maioritariamente traxes tradicionais de todo o mundo, aínda que predominan os das diferentes comunidades autónomas do estado español.

Tamén posúe traxes que pertenceron a distintas figuras da danza, entre outros Kety Clavijo, Rocío Jurado, Antonio Gades, Antonia Merce "La Argentina", Merche Esmeralda, Luis del Río, ....; a outros persoeiros coñecidos como Anita Delgado "Majaraní de Kapurtala"; traxes de confrarías, cerimonias, profesións etc.

É, sen dúbida ningunha, o museo sobre o traxe que máis pezas alberga.

Ademais desta colección de traxes exhíbese boa parte dunha de cruces (a segunda colección en importancia de todas as que posuía Juanjo Linares), ao redor de catrocentas. Neste intre estase a traballar na limpeza do resto, máis ou menos outras setecentas unidades.

Proximamente poderase exhibir, entre outras, unha colección de castañolas que están en proceso de catalogación neste intre.

O Museo está xestionado por unha persoa, cuxa misión basicamente é dirixir, promover e organizar actividades. Ademais hai outra máis que ten como cometidos principais atender a recepción e, puntualmente, preparar e restaurar as pezas expostas e almacenadas.

O Concello de Ordes financia todos os gastos que ocasiona o Museo (persoal, luz, auga, limpeza etc) e actualmente non desfruta de ningún tipo de subvención pública nin doutro tipo de axuda.

A intención de Juanjo Linares era que, ademais do funcionamento do Museo propiamente dito, se crease ao seu carón un Centro de Estudo e Práctica da Danza, considerando a súa traxectoria profesional, recoñecida non só en España senón en todo o mundo e tendo en conta que a meirande parte das pezas expostas son propias da cultura tradicional.

Por iso, unha vez estea correctamente catalogado e ordenado, será posible consultar na biblioteca, que dispón dos medios técnicos precisos (TV, DVD, reprodutor de música etc), o importante legado de Juanjo, composto por unha infinidade de documentos (a maioría relacionados coa danza tradicional), tanto escritos como musicais e videográficos.

De feito xa se teñen interesado por este asunto innumerables asociacións e federacións, profesionais da danza en xeral e algún afeccionado á cultura tradicional.

Museo do Traxe

Este museo ten unhas características singulares que o diferencian dos existentes en España en que:

  1. Sitúase nun amplo edificio de tres plantas que se destina única e exclusivamente a este fin.
  2. É o único que dispón de traxes de todo o mundo (os demais limítanse a expoñer traxes da comunidade autónoma propia).
  3. É o que máis cantidade de pezas posúe. Contando pezas soltas, arredor de 1.400, entre expostas e almacenadas para posteriores exposicións.
  4. A súa colección abarca diversas épocas a partir do S. XVI.
  5. Dispón de varias pezas moi valiosas, entre as que cabe destacar:
    1. Un traxe de voda de 1.855.
    2. Un sari de Anita Delgado, Matahari de Kapurtala – India.
    3. Un quimono que pertenceu á esposa dun Daymio da corte do Xapón.
    4. Un traxe de Antonia Mercé "La Argentina".
    5. Un traxe de Antonio Gadés.
    6. Varios traxes de Pacita Tomás.
    7. Varios traxes de María Rosa.
    8. Varios traxes de Antonio o bailarín.
    9. Unha capa pluvial do S. XIX.
    10. Varios traxes de voda (de muller galega) do S. XIX.
    11. Varios traxes doutras figuras da danza española.
  6. Dispón dunha colección de 300 bonecas ataviadas con distintos traxes tradicionais de todo o mundo.
  7. Posúe unha colección de máis de 1.200 crucifixos.
  8. Como homenaxe aos profesionais da danza e das variedades, expón unha colección de fotografías de personaxes deste mundo, tales como Concha Piquer, María Rosa, Marienma, Antonio Ruiz etc.