spacer
Busto de Carnota

Vicente Carnota ( Ordes 1855-1920) foi xornalista e sacerdote. Cursou os seus estudos primarios en Ordes e estudou Latín, Humanidades, Filosofía e Teoloxía no Seminario en Santiago de Compostela.

Exerceu de xornalista, sendo espectador activo de todos os acontecementos sociais e políticos da súa época, que analizou e comentou con maestría e sensiblidade. A súa traxectoria xornalística foi prolífica e tivo lugar nos xornais “El Noroeste” do que foi fundador, no” Diario de Galicia” onde foi redactor-xefe, no diario “La Monarquía” como redactor e codirector, no diario “La Voz de Galicia” como redactor, no xornal “El Clamor de Galicia” como articulista e no xornal “El Telegrama” no que colaboraba habitualmente.

Tamén realizou artigos para publicacións como  a revista rexionalista  “Galicia” editada polos emigrantes en Cuba onde estivo emigrado e co xornal ordense “El Terruño”.

Desde os seus escritos, analizou moitos campos da actualidade deixando interesantes artigos sobre política, sociedade, arte e espiritualidade. Admirado e respectado polos seus contemporáneos e polos demais xornalistas, os seus escritos foron elegantes, cultos e prudentes, exentos de polémica pero aínda así, comprometidos coas causas máis xustas. 

Nos anos 1925 e 1955 recibiu dúas homenaxes na súa vila natal.

O busto de Vicente Carnota é de bronce e  descansa sobre un pedestal de pedra no Parque da Constitución na vila de Ordes.

 A obra encargóuselle ao afamado escultor Francisco Asorey, unha das figuras máis relevantes do arte escultórico español do século XX. Constitúe unha das obras do seu importante e moi valorado legado artístico.

Localización